FESTA SAN XOÁN BOSCO

FESTA DE SAN XOÁN BOSCO

ORACIÓN COLECTA
Deus piadoso, ti fixeches de san Xoán Bosco un pai e un mestre da xuventude. Pedímosche que prenda en nós o mesmo lume de amor e teñamos forza para te servir soamente a ti, ó tempo que buscámo-lo ben de tódolos homes. Polo noso Señor Xesucristo, teu Fillo, que vive e reina contigo na unidade do Espírito Santo por sempre eternamente.

ORACIÓN SOBRE AS OFRENDAS
Acepta Pai santo, o sacrificio que che ofrecemos con fe sincera, e feixe que che amemos sobre todas as cousas, a fin de que a nosa vida sexa un himno na túa honra. Por Cristo o noso Señor.

PREFACIO
- O Señor sexa convosco.
&- E contigo tamén.

-Erguede os corazóns.
&- Témolos postos no Señor.

- Deámoslle grazas ó Señor, noso Deus.
&- E digno e de xustiza.

Verdadeiramente é xusto darche grazas, e o noso deber glorificarte,
Deus grande e misericordioso, por Cristo o teu Fillo e Salvador noso.
Porque ti, Pai de amor eterno,
suscitaches na Igrexa a san Xoán Bosco
como amigo, irmán e pai dos mozos,
para conducilos polo camiño da salvación.
El, con mirada profética cara aos tempos novos,
preparounos para afrontar a vida
con honesta sabedoría e unha fe rica en obras.
E, movido polo teu Espírito, deu orixe a unha gran familia
para continuar por toda a terra a súa misión de mestre e de pai.
Por iso, nós, congregados en asemblea de festa,
cantámosche un himno de adoración e encomio,
e unidos aos anxos e aos santos
proclamamos sen cesar o himno da túa gloria.

ORACIÓN PARA DESPOIS DA COMUÑÓN
Pai, alimentáchesnos con este sacramento de salvación; Feixe que imitemos a actividade incansable de san Xoán Bosco, para conducir aos mozos cara ao amor de Cristo, o teu Fillo, fonte inesgotable de vida nova. El, que vive e reina polos séculos dos séculos.

PRIMEIRA LECTURA
Libro de Ezequiel 34, 11-12; 15-16; 23-24; 30-31

Pois así fala o meu Señor, Iavé:
‑Velaí, eu en persoa virei
seguirlles as pisadas ás miñas reses e buscalas.
O mesmo que mira o pastor polos años,
o día en que el se atopa diante do rabaño dispersado,
así eu vou mirar polas miñas reses,
e vounas salvar, sacándoas de todos os sitios
por onde se espallaron un día de nubes e escuridade.

Eu mesmo apacentarei o meu rabaño,
e eu en persoa fareino acougar
‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑.
Buscarei a ovella perdida,
farei volver a extraviada,
vendarei a que ten a pata partida,
fortalecerei á feble,
pero farei que perezan a gorda e a forte.
Apacentarei o meu rabaño conforme a xustiza.

Vou suscitar á fronte deles un pastor único,
que os apacente: será o meu servo David;
el mesmo os apacentará: el en persoa será para eles o seu pastor.
Eu, o Señor, serei para eles o seu Deus,
e o meu servo David será príncipe no medio deles
‑son eu o Señor, quen o dixen‑.

Entón recoñecerán que eu, o Señor, son o seu Deus,
que estou con eles, e que eles son o meu pobo, a Casa de Israel,
‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑.
Vós seredes o meu rabaño, o rabaño dos pastos da miña terra seredes vós.
Eu serei o voso Deus ‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑.

SALMO

O SEÑOR É O MEU PASTOR
O Señor é o meu Pastor, nada me falta;
o Señor é o meu Pastor, sempre vai comigo.

1.- Nos prados verdescentes me leva a repousar;
me leva a refrescar nas augas tranquilas.

2.- Aínda que eu atravese pola escuridade,
nada temerei, pois ti estás comigo.

SEGUNDA LECTURA
FILIPENSES 4, 4-9

Estade sempre alegres no Señor.
Repítovolo: estade alegres.
Que todo o mundo vexa o bos que sodes.
O Señor está a chegar.
Non desacouguedes por cousa ningunha.
En todo presentádelle a Deus as vosas peticións
con oracións de súplica e acción de grazas.
E a paz de Deus, que supera toda intelixencia,
custodiará os vosos corazóns
e os vosos pensamentos en Cristo Xesús.

Do resto, meus irmáns,
todo o que sexa verdadeiro, todo o que sexa serio,
todo o que sexa xusto, todo o que sexa enxebre,
todo o que sexa estimable, todo o que sexa honroso,
calquera virtude ou mérito que haxa,
iso é o que debedes estimar.
O que aprendestes, recibistes, oístes e vistes en min,
iso é o que tedes que levar á práctica.
E o Deus da paz irá convosco.

EVANXEO (Mt. 18, 1-6; 10)

Naquel momento acercáronse os discípulos a Xesús, para lle preguntar:
‑¿Quen é o máis importante no Reino dos Ceos?
El chamou por un meniño e púxoo no medio deles, e dixo:
‑Asegúrovolo: se non cambiades e non vos facedes coma nenos,
non entraredes no Reino dos Ceos.
Quen se faga pequeno coma este cativo
será o máis importante no Reino dos Ceos.
E quen acolla un meniño coma este no meu nome, acólleme a min.
Pero quen escandalice a un destes pequenos que cren en min,
máis lle valería que lle colgasen unha pedra de muíño ó pescozo,
e que o largasen ó fondo do mar.
¡Coidadiño con desprezar a un destes cativos!
Asegúrovos que os seus anxos, no ceo,
están sempre contemplando o rostro do meu Pai celestial.

COMENTARIO
Este domingo do mes de xaneiro coincide coa festividade de San Xoán Bosco, fundador das congregacións dos Salesianos e das Salesianas, Fillas de María Auxiliadora, e da Asociación de Cooperadores Salesianos. Hoxe a nosa parroquia únese a esta festa e queremos lembralo para imitalo e acollernos tamén á súa poderosa intercesión.
Don Bosco naceu preto de Castelnuovo, no Piamonte, no ano 1815. Despois dunha infancia moi dura, foi ordenado sacerdote e dedicouse con toda a súa alma á educación da mocidade, Fundou congregacións para ensinar artes e oficios ós mozos e mozas, ó mesmo tempo, inicialos na vida cristiá. Escribiu tamén algunhas obriñas para a defensa e protección da relixión. Morreu nun día coma hoxe, 31 de xaneiro de 1888.
Don Bosco foi un profeta do seu tempo, e hoxe tamén necesitamos profetas que nos mostren o camiño, que denuncien, critiquen, e que nos falen das periferias das que fala o papa Francisco. Don Bosco, a quen hoxe lembramos, viviu desa maneira. Foi profeta en Turín acollendo e educando aos mozos que nada tiñan. A súa casa foi fogar, as súas mans ensinaron nos talleres e sempre se mostrou coma un pai misericordioso. Son centos os mozos que pasaron polo oratorio. Algúns fixéronse sacerdotes coma el e continuaron a súa obra. Algúns se afanaron nos talleres para ser mestres doutros. Outros levaron ata as máximas consecuencias o lema «honrados cidadáns e bos cristiáns», que asimilaron nos oratorios, e desde a súa vida cooperaron na extensión do carisma de Don Bosco.
A Igrexa invócao como «Pai e Mestre da Mocidade». Recoñéceselle como o pai do Sistema Preventivo na educación dos mozos, aínda que xa no século XVII existía algunha experiencia de educación aplicando este sistema, con todo considérase a Don Bosco como o que o aplicou por primeira vez de forma sistemática nos seus oratorios e colexios. Este sistema consiste en poñer ao mozo na imposibilidade material de obrar o mal, ao darlle a coñecer previamente as normas correctas de conduta, lembralas con frecuencia e vixiar paternalmente para axudarlle a observalas. Don Bosco consideraba a educación relixiosa como esencial para o éxito deste sistema educativo, que rapidamente se estendeu por toda Italia e posteriormente polo resto do mundo.
Para levar a cabo a súa obra educativa a favor da xuventude tivo que servirse dos mesmos mozos e dalgúns colaboradores e amigos. Cando se establece en Turín para dar continuidade ó seu pequeno oratorio tan só acompañáballe a súa nai, Mamá Margarita, a quen lla representa cunha cesta de vimbias na man, na que levaba todas as súas pertenzas. Pronto organizaría un grupo de benfeitores que lle apoiaban economicamente e un grupo de cooperadores que lle axudaban na catequese e na instrución daqueles mozos.
Outra das súas grandes preocupacións foi a defensa da Igrexa e a obediencia cega ó papa. Algúns dos seus breves escritos estaban orientados neste sentido. Un desexo do papa debe ser unha orde para todo o que se considere un fillo da Igrexa -afirmaba.
A gran forza que lle mantiña no seu proxecto era a súa gran fe na Providencia e o auxilio da Nai de Deus, a quen pronto os seus mozos invocarían co nome de Auxiliadora dos Cristiáns.
Esta historia continúa hoxe cunha presenza do carisma salesiano en 132 países e miles de obras a favor da educación dos nenos máis desprotexidos. A extensa familia salesiana, conxunto de congregacións, institutos de vida consagrada, grupos comprometidos de vida cristiá, en total 30 recoñecidos, seguen facendo o ben á mocidade pobre e abandonada, seguindo o carisma de Don Bosco.
Neste día invoquemos a protección do Señor, por intercesión de San Xoán Bosco, para todos aqueles que se dedican á formación dos mozos. Que a alegría e o exacto cumprimento do deber sigan sendo os medios de levar á xuventude polo camiño da santidade. Pedímolo así ó Señor.

ORACIÓN DE FIEIS

Preguémoslle a Deus Pai, por intercesión de san Xoán Bosco, que escoite a nosa oración en favor da xuventude de todo o mundo, dicindo: ESCÓITANOS, PAI. 

- Pola Igrexa, que non falten nunca educadores como Don Bosco, que traballen polos mozos máis desfavorecidos da nosa sociedade. OREMOS
- Polos mozos que traballan nas escolas, nas fábricas, nos talleres. Para que este traballo lles faga máis homes e lles achegue á vida cristiá. OREMOS
- Por tódolos educadores para que sentan sempre o apoio da sociedade e a Igrexa na súa tarefa educativa e evanxelizadora. OREMOS

Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo, noso Señor. AMÉN.

No hay comentarios:

Publicar un comentario